Onte tivemos o pracer de recibir, nestas terras arraianas de Olimbria, a visita da Asociación de Estudos Santa Mariña de Augas Santas.
Comezouse por nos reunirmos nun lugar de encontro, un establecemento local, para contribuír de certo xeito coa veciñanza.
O percorrido foi o seguinte:
* Adega das Barrocas. Breve introdución ao mundo do viño e a súa elaboración, visita ao lagar tradicional de prensado, visita á monumental adega abobedada subterránea.
* Lagar do Carregal. Desprazamento ao lagar rupestre do Carregal en representación de todos os "lagares dos mouros" existentes na rexión, coa explicación dos mesmos a cargo do historiador, investigador e arqueólogo Andrés Diz, e outros aportes de participantes.
* Capela da Santa Ana. A ermida e santuário da Santa Ana, un lugar de culto ancestral, no que se explicou a enorme importancia desta capela, tanto a nivel histórico, arqueolóxico ou antropolóxico, por parte da historiadora, investigadora e arqueóloga Nieves Amado, con aportacións doutros asistentes, entre outras a parte ligada á súa historia natural como a mirta, murta, murteira, da Santa Ana, unha arboriña senlleira ligada a este lugar sagrado e mesmo á propia santa, a Santaniña.
* Cruceiro e igrexa de San Cibrao cun 'home verde'. Cruceiro barroco cunha excepcional talla e conservación de policromía. Curiosamente a patroa do pobo non é o San Cibrao ou San Cipriano, é a Santa Cruz, mais comentábannos as viciñas varias historias sobre o San Cipriano, como que unha talla feita por un artista local estaba actualmente nunha bodega por circunstancias ata simpáticas e que no seu lugar tiñan a representación doutro santo, tamén coa súa circunstancia simpática. Entre outras tamén mos dicían que o San Cibrao era moi milagreiro, contra o meigallo.
Na sacristía da igrexa fumos a ver a representación en pedra dun "home verde" (greenman), explicándonos os dous 'José Ramón' o seu significado. Consistente na representación simbólica da parte masculina da Natureza sagrada, a parte feminina serían por exemplo as representacións das chamadas Sheela na Nig. Segundo algúns datos antropolóxicos este 'home verde' viña a significar algo así coma o final do inverno e a chegada da primavera, é dicir, o renacer, a resurrección no cristianismo.
* Fonte da Facha. Aquí traspasamos a fronteira para que o xeólogo e investigador José Ramón Seara nos falara de tódalas augas termais e en particular das desta rexión transfronteiriza e das de Ourense en xeral, con aportes ata de mitoloxía.
Como curiosidade comentouse que, vía tradición oral, Facha era o nome dunha princesa moura ('moura' na tradición oral galego-portuguesa ten o significafo de 'pagá', é dicir, anterior ao cristianismo, e non como moura/mora musulmana). Esta princesa Facha era nada menos que a filla do rei Vamba. Desde este lugar divísase a poente o outeiro viciño do Castro de Vamba.
Neste lugar, e dentro da historia batural, tamén estivemos a ver unha planta dun grupo prehistórico, nada menos que xa existentes no catbonífero (vai 290 millons de anos), a cabaliña, Equisetum sp, con varias especies deste xénero.
* A Raia e O Cambedo. Non se puido rematar a xornada no povo promíscuo do Cambedo mais si que se nos deu un breve achegamento historico por parte de Andrés Diz, que tamén nps falou dos marcos da fronteira e dos de límite entre as casa de Monterrei e de Bragança, alén das historias do contrabando como un comercio natural de intercambio entre pobos viciños e onde o documento de maior prestixio era a palabra, mais isto fica para outra rota...
Muitísimo obrigado a todos os participantes, á organización (José Ramón Seara e Asociación de Estudos Santa Mariña de Augas Santas), a todos os apoios recibidos (Concello de Oímbra, Fregueses de San Cibrao) e aos conferenciantes (Andrés Diz, Nieves Amado e José Ramón Seara en especial, e algúns outros participantes que aportaron coas súas explicacións).
Outros dos que tamén participaron para a realización deste evento foron: Seara, Ponchi, Zunín, Santi, Reigada...
Saúdos e até a próxima na Raia, ou na Santa Mariña...
P.E. a medida que nos pasen fitografías irémolas subindo a este post, grazas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario