Amosando publicacións coa etiqueta Adega das Barrocas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Adega das Barrocas. Amosar todas as publicacións

domingo, 19 de outubro de 2025

Unha rota arraiana da Asociación de Estudos Santa Mariña de Augas Santas

Onte tivemos o pracer de recibir, nestas terras arraianas de Olimbria, a visita da Asociación de Estudos Santa Mariña de Augas Santas.

Comezouse por reunírmonos nun lugar de encontro, un establecemento local, para contribuír de certo xeito coa veciñanza.

O percorrido foi o seguinte:

* Adega das Barrocas. Breve introdución ao mundo do viño e a súa elaboración, visita ao lagar tradicional de prensado, visita á monumental adega abobedada subterránea.

* Lagar do Carregal. Desprazamento até o lagar rupestre do Carregal en representación de todos os "lagares dos mouros" existentes na rexión, coa explicación dos mesmos a cargo do historiador, investigador e arqueólogo Andrés Diz, e outros aportes de participantes.

* Capela da Santa Ana. A ermida e santuário da Santa Ana, un lugar de culto ancestral, no que se explicou a enorme importancia desta capela, tanto a nivel histórico, arqueolóxico ou antropolóxico, por parte da historiadora, investigadora e arqueóloga Nieves Amado, con aportacións doutros asistentes, entre outras a parte ligada á súa historia natural como a mirta, murta, murteira, da Santa Ana, unha arboriña senlleira ligada a este lugar sagrado e mesmo á propia santa, a Santaniña.

* Cruceiro e igrexa de San Cibrao cun 'home verde'. Cruceiro barroco cunha excepcional talla e con conservación de policromía. Curiosamente a patroa do pobo non é o San Cibrao ou San Cipriano, é a Santa Cruz, mais comentábannos as viciñas varias historias sobre o San Cipriano, como que unha talla feita por un artista local estaba actualmente nunha bodega por circunstancias ata simpáticas e que no seu lugar tiñan a representación doutro santo, tamén coa súa circunstancia simpática. Entre outras tamén nos dicían que o San Cibrao era moi milagreiro, contra o meigallo.

Na sacristía da igrexa fumos a ver a representación en pedra dun "home verde" (greenman), explicándonos os dous 'José Ramón' o seu significado. Consistente na representación simbólica da parte masculina da Natureza sagrada, a parte feminina serían por exemplo as representacións das chamadas Sheela na Nig. Segundo algúns datos antropolóxicos este 'home verde' viña a significar algo así coma o final do inverno e a chegada da primavera, é dicir, o renacer, a resurrección no cristianismo.

* Fonte da Facha. Aquí traspasamos a fronteira para que o xeólogo e investigador José Ramón Seara nos falara de tódalas augas termais e en particular das desta rexión transfronteiriza e das de Ourense en xeral, con aportes ata de mitoloxía.

Como curiosidade comentouse que, vía tradición oral, Facha era o nome dunha princesa moura ('moura' na tradición oral galego-portuguesa ten o significafo de 'pagá', é dicir, anterior ao cristianismo, e non como moura/mora musulmana). Esta princesa Facha era nada menos que a filla do rei Vamba. Desde este lugar divísase a poente o outeiro viciño do Castro de Vamba.

Neste lugar, e dentro da historia natural, tamén estivemos a ver unha planta dun grupo prehistórico, nada menos que xa existentes no carbonífero (vai 290 millóns de anos), a cabaliña, Equisetum sp, con varias especies deste xénero.

* A Raia e O Cambedo. Non se puido rematar a xornada no povo promíscuo do Cambedo mais si que se nos deu un breve achegamento histórico por parte de Andrés Diz, que tamén nos falou dos marcos da fronteira e dos escudos de límite entre as casas de Monterrei e de Bragança, alén das historias do contrabando como un comercio natural de intercambio entre pobos viciños e onde o documento de maior prestixio era a palabra. Mais isto tudo fica para outra rota...

Muitísimo obrigado a todos os participantes, á organización (José Ramón Seara e Asociación de Estudos Santa Mariña de Augas Santas), a todos os apoios recibidos (Concello de Oímbra, Fregueses de San Cibrao) e aos conferenciantes (Andrés Diz, Nieves Amado e José Ramón Seara en especial, e algúns outros participantes que aportaron coas súas explicacións).

Outros dos que tamén participaron para a realización deste evento foron: Seara, Ponchi, Zunín, Santi, Reigada...

Saúdos e até a próxima na Raia, ou na Santa Mariña...


P.E. a medida que nos pasen fotografías irémolas subindo a este post, grazas.